viernes, 15 de octubre de 2010

Meijón acusa á Xunta de dificultar o acceso aos comedores escolares dos estudantes de bacharelato

Sinala que o Executivo continúa coa “progresiva privatización” dos comedores para tentar impoñer en Galicia o modelo de Esperanza Aguirre

O portavoz de Educación do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, Guillermo Meijón, acusou hoxe á Xunta de impedir o acceso aos comedores escolares dos estudantes de bacharelato e ensino non obrigatorio e os mestres. Meijón presentou no Pleno do Parlamento unha Interpelación contra a “progresiva privatización” deste servizo público anunciada por Feijóo.

O parlamentario socialista acusou á Xunta de dificultar o acceso aos comedores aos estudantes de bacharelato aos que a aplicación informática impide acceder aos listados, correndo o risco de quedar fora do amparo legal do marco normativo, como por exemplo o seguro de responsabilidade.

Denunciou que a Xunta impide acceso ao comedor dos alumnos de ensino secundario que non utilizan transporte escolar pero que contan con prazas vacantes suficientes para facer uso do mesmo. Advertiu así que o sentido da eficiencia do presidente da Xunta “vai acabar con bocadillos nas escolas”.

Criticou que teñan comezado tamén coa prohibición do uso destes comedores aos docentes, tal e como denunciaron os sindicatos educativos, que teñen recorrido as instrucións neste sentido emitidas pola Xunta en contra do Decreto vixente. Advertiu que estas actuacións e os anuncios do presidente da Xunta de minorar as partidas para o servizo de comedor escolar busca implantar en Galicia o modelo educativo de Esperanza Aguirre ou Francisco Camps.

Meijón rexeitou as denuncias reiteradas de buratos nas partidas de comedores escolares, xa que, explicou, o PP asumiu a xestión da Consellería 6 meses antes do peche do exercicio, con tempo suficiente para facer os axustes necesarios e remataron 2009 con máis de 20 millóns de euros por executar. Dixo que isto confirma que “o seu concepto de máis con menos supón gastar máis onde non fai falta e menos onde se necesita”.

Ademais, sinalou que as partidas orzamentarias “non faltan” porque “permitíronse luxos como a campaña dun millón de euros para publicitar a imposición lingüística, o pago das enquisas, o cambio de “galescolas” a “galiñas azuis”, o leasin ou renting de vehículos por dez millóns de euros, tiraron 12 millóns nos libros de texto en galego, 1,2 no derrubamento do Centro Ribera Casás de Cervo ou o cambio do IES de Celanova dende a súa ubicación actual.

O parlamentario socialista esixiu ao conselleiro que confirme os anuncios do presidente da Xunta de recortar os orzamentos de 2011 nas partidas de comedor escolar, e reclamou que explique si seguirán diminuíndo o número de comedores xestionados pola administración autonómica e si paralizarán a creación de novos comedores.

Meijón preguntou si retomarán o modelo de copago que ocasionou unha “desfeita” logo de incrementar o prezo nun 15 por cento e cambiar o modelo de pago “que causou un gran caos de funcionamento e só rectificaron ante as xustificadas protestas das nais e pais e dos equipos directivos”.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Se non es usuario Google, elixe "anónimo"